O Noso pequeno hotel atópase situado no corazón da Serra de Ancares, ao pé dos cúmios máis altos, como son o Cuíña (1998 m), Mustallar (1935 m) e Penalonga (1890 m), con vistas inmellorables cara todas elas. Trátase dun enclave privilexiado, declarado Reserva da Biosfera desde 2006, Paraxe Pintoresco desde 1971 e Reserva Nacional de Caza desde 1966, un espazo incluido na Rede Natura 2000, e que está declarado LIC (Lugar de Importancia Comunitaria), ZEPA (Zona de Especial Protección de Aves) e Zona de Protección do Oso Pardo.
A poucos metros do hotel, atópase a aldea prerromana de Piornedo (declarada Conxunto Histórico – Artístico). Trátase dunha pequena aldea que conta con 16 veciños (prácticamente as mesmas familias desde hai xeracións) que descansa nas ladeiras do Penalonga. A aldea destaca polas peculiares e características Pallozas, que, ata hai moi poucos anos, servían aínda de vivendas (persoas e facenda convivían baixo un mesmo teito) e que fan lembrar, a todos aqueles que o visitan por primeira vez, á famosa aldea gala de Asterix e Obelix. Xunto aos seus Hórreos forman un conxunto, que pola súa antigüedade e orixinalidade posúe unha importancia etnográfica e patrimonial de incalculable valor.