Hotel Piornedo: hotel en Ancares, Galicia > hotel
Skip to content

hotel piornedo


Historia

Así comezou todo

Esta é a historia dun soño que hoxe, pasados máis de 25 anos, comeza a tornarse realidade e do que faremos un pequeno resumo, pois precisaríamos unha web completa para contalo con detalle.

É o soño de Manolo e Carme, el nado en Piornedo e ela en Vilarello (duas das aldeas máis belas e remotas, situadas no corazón dos Ancares) que, coma tantos outros, aló polos anos 70 e moi novos, deciden emigrar levando consigo (coma bons galegos que son) o peso da morriña e o amor polas súas aldeas. A sorte ou o destino farán que os dous terminen en Barcelona (principal destino dos emigrantes desta zona naquela época) e alí comecen unha relación que rematará en matrimonio en 1975. Os dous traballaban na cadea de montaxe de 2 multinacionais; as súas vidas transcorrían con normalidade e comodidade en Barcelona ao lado de moitos dos seus familiares e amigos, tamén emigrantes na Cidade Condal. Estaban moi a gusto, pero algo xa rondaba polas súas cabezas... Manolo que era (e é) un namorado da súa aldea, pola que sentía (e sinte) grande debilidade, tiña moi claro que non se xubilaría nunha fábrica... Un ano máis tarde nacería o seu primeiro fillo (Roberto) e case tres anos despois a nena (Mireia).

Pero houbo un momento puntual que marcou un punto de inflexión nas súas vidas, cando en 1977, emitiuse por televisión un programa sobre Piornedo e os Ancares. Naquel programa amosouse a esta terra e as súas xentes coma habitantes dun lugar prácticamente terceir mundista e inhóspito, algo que (a Manolo e a Carme) lles doeu e que fixo que tódalas súas inquedanzas cobraran forma. Tiñan moi claro que a súa terra natal non era un lugar no que abondasen as comodidades (como tampouco o é hoxe), pero tampouco era ese lugar que viran reflectido na reportaxe.

Acompañado pola súa dona e os seus fillos (todos eles amantes da montaña e da natureza en xeral) soían “escapar” a visita-los Pirineos e aínda que sabía que a súa terra natal non era comparable con esta en moitos aspectos; altitude, extensión, desenrolo..., vía que, noutros moitos os “seus” Ancares non tiñan nada que envexar. A Serra de Ancares... pequeno recoldo, punto de unión de Galicia, León e Asturias, últimas estribacións occidentais da Cordilleira Cantábrica... era e é, aínda hoxe, un lugar prácticamente virxe e por descubrir, cheo de feitzo coas súas vellas e desgastadas montañas que roldan os 2000 m, os seus bosques de mil cores en outono, a súa grande diversidade e variedade de flora e fauna, os seus múltiples regatos de augua cristaíña,a súa riqueza patrimonial e cultural coas pallozas e hórreos (vivendas e construccións prerrománicas), ou as súas xentes e a súa lingua (con un galego misturado con leonesismos e asturiano).

Aquel programa e aquela reflexión foron o comezo de todo... (Nunca foi por ánimo de lucro senon polo amor a súa terra) o que fixo que no ano 1979 Manolo deixase o seu posto de traballo na fábrica e voltase a Piornedo para intentar levar ao seu fin ese soño... erguer un pequeno Hostal na súa aldea natal.

Como todo ol mundo sabe, montar un negocio, por pequeno que este sexa, non é tarefa fácil e se falamos de facelo nunha aldea remota como Piornedo a finais dos anos 70, como poden imaxinar, as dificuldades multiplícanse de forma exponencial.

Nin que dicir ten que foi moi duro da- los primeiros pasos, pois, á dificuldade de empezar a desenvolver unha iniciativa nun sector que descoñecía por completo (nunca antes tivera contacto coa hostalería), uníanse tódolos trámites burocráticos necesarios (permisos, proxectos, licenzas...tan descoñecidos para él naquel momento) nun lugar moi aillado das administracións e no que, por aquel entón, só visitaba algún montañeiro que outro (dos que Manolo chama “auténticos de verdade”, porque só o feito de chegar a Piornedo naquela época xa era meritorio). A todas estas complicacións engádeselle-lo feito que maior dificuldade lle proporcionaba, ter que facelo alonxado da súa familia, debido a que a súa muller e os seus fillos (moi cativos aínda) continuaban en Barcelona.

Nese compás de espera no que os trámites burocráticos ían tomando forma para poder pór en funcionamento a obra, Manolo voltaba durante tempadas a Barcelona para estar cos seus e traballar. Buscaba traballos temporais que lle permitiesen viaxar a miúdo a Galicia para ver como ía avanzando “o seu soño”. Nese tempo traballou nunha fábrica de embutidos, vendendo enciclopedias, etc, sempre combinando o seu traballo en Barcelona co seu proxecto de vida en Galicia. Entre tanto Carme estivo sempre cos seus fillos e traballando, sen dúbida algunha, ela foi o grande apoio de Manolo e parte máis que fundamental para a consecución do soño.

Ao fin chegou o día, nun mes de xuño do ano 90, despois de moitos anos de sacrificio, traballo e esforzo pero tamén moita ilusión, toda a familia estivo preparada para encamiñarse definitivamente a Galicia. Roberto comezaría en Lugo o Instituto, Mireia continuaría na escola e o novo traballo de Carme e Manolo sería sacar adiante todo aquelo polo que levaban loitando dende había 10 anos... comezaba unha nova vida para todos.

O 16 de decembro de 1990, será inaugurado oficialmente o Hostal Piornedo..... e ata hoxe.

2005. Grazas ao duro traballo desenvolto, continuamos mellorando e tratando de prestar o mellor servizo a tódalas persoas que nos queiran visitar. A nosa nova categoría de Hotel é o premio a súa fidelidade e confianza.

Están convidados a nosa casa, ao noso Hotel,... ao noso soño.



Declaración de accesibilidade | Información legal | Información meteorolóxica | Contacto
Castelán | Galego | Inglés | Alemán

Piornedo. Ancares. 27664 Lugo. España
T +34 982 161 587 - 982 151 351
F 982 161 433